EQUIPO NIZKOR
Información

DERECHOS


15out05


Homenaxe a nove asasinados en Baiona - Pontevedra 1936


Intervención do voceiro de AFARIIREP, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, escritor e poeta.

Baredo: as cruces da memoria (Castelán)

A memoria do terror fascista de 1936 foi árbore brava que se cultivou na horta enclaustrada dos vencidos durante sete décadas. Pero non en todas. A peste do esquecimento imposto como un mandato esmagador, o andazo da mentira descomunal que sostivo o réxime de Franco sobre os alicerces lamacentos da inversión da historia, entraron en moitas casas para furar nas raíces mesmas do pensamento e esnaquizar a célula primeira da fidelidade aos mortos queridos. Mesmo así, moitas familias preservaron a lembranza sobre a tona dos labios que, no segredo da hora íntima, pronunciaban os nomes dos asasinados e dos perseguidos con devoción e ira xusta.

A raíz do pensamento non comesto da praga continuou a medrar na veiga clandestina das viuvas, dos compañeiros e compañeiras, dos pais e dos irmáns, dos fillos e fillas orfos, das netas e netos dos proscritos, dos depurados, dos exiliados, dos encarcerados, dos torturados, dos paseados, dos fusilados. Nos arquivos da memoria privada conserváronse durante sete décadas e permanecen hoxe en luz que non murcha as fotos da derradeira imaxe, a da despedida fronte aos camiños pavorosos da alba. Hai tamén un lugar escuro nos sotos da lembranza para o album macabro dos delatores, dos torturadores, dos fiscais, dos paseantes, rexistro imborrábel, caixa negra que non se pode destruír. A historia da traxedia familiar, a crónica verdadeira do drama colectivo, non se explican sen a nómina completa dos asasinos de cada vila, de todas as cidades, de tantas curvas da estrada rota contra a praia do abismo final.

Hoxe, na hora da Memoria Pública, escandalosamente postergada durante case setenta anos por vontade dos poderes políticos herdeiros do terror golpista do 36 e do negacionismo programado coa colaboración imprescindíbel de sectores da esquerda reconciliadora, que confundiron a paz civil co esquecimento graciábel, hoxe debemos labrar metro a metro os campos do recordo. A sociedade civil organizada na procura dos sinais de identidade histórica que o discurso oficial pretendeu disimular, enturbar e negar, non remexe na terra con ánimo de revancha. Ese é o argumento, defensivo e ofensivo, oblicuo e sospeitoso dos negacionistas, a mensaxe torta da ultradereita, unha reconvención que ás veces escoitamos tamén en boca de xentes doutra cerna ideolóxica, proclives á doada tentación do mutismo. Asístenos o dereito, diríxenos a obriga de coñecer e difundir a verdade, de reclamar o recoñecimento xurídico e moral das vítimas, de esixir a nulidade dos xuizos sumarísimos, de derrubar o estado de impunidade que aínda nos abafa. Temos o dereito e a obriga política e moral de erixir en memoria pública de luminosa e agradecida homenaxe o que durante sete décadas foi lembranza clandestina, brasa interior que ardeu sen lume na noite secreta de tantas casas vixiadas.

Esa é a intención que nos convoca hoxe, sesenta e nove anos despois, arredor do tronco de árbore brava e abrazados polo bosque de loureiros que naceu da vixiante intelixencia de Fernando Casás, fronte ao mar da alba extrema subitamente apagada nos ollos dos nove homes asasinados aquí o día 15 de outubro de 1936. A xente de seu soubo, con estratexia de valente vontade a escabulirse das sombras de tricornios e camisas azuis, manter sempre viva a noticia do crime. As nove cruces da volta de Baredo, tachadas unha e outra vez, incesantemente reescritas en acción de perigosa resistencia, representan a espléndida loita dunha parte do pobo contra a desmemoria, contra o silencio imposto, contra a mudez cómplice, contra o medo estéril. As nove cruces de Baredo envían desde o pasado unha mensaxe exemplar: a da obriga inadiábel de coñecer e espallar a verdade. Tráxico poema visual, grafismo de teimosa xestualidade, efémero e permanente, o texto das cruces escribe a vontade de trascender o recordo íntimo para medrar en dimensión de destinatario universal. É un alegato contra a impunidade e o esquecimento, un antecedente formidábel da mobilización da sociedade en defensa da Memoria Pública. As cruces dos nove de Baredo sinalan na dirección dun nome coñecido por todos, o de Sebastián Pena, comandante do posto da garda civil de Baiona, que dirixiu en operación de venganza -recurrente fórmula de inhumana paixón posta ao servizo do programa militar de exterminio- a brigada asasina do 15 de outubro. As cruces da volta de Baredo, os cuarenta e cinco loureiros e a árbore da man de Fernando Casás, proclaman para sempre a luz de facho de nove nomes que nos orientan na historia e nos obrigan no presente: Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Elías Alejandro Gonda Alonso, Manuel Francisco Lijó Pérez, Modesto Fernández Rodríguez, Fidel Leyenda Rodríguez, José Rodríguez González, Manuel Barbosa Durán, Generoso Valverde Iglesias.

15 outubro 2005
Xosé María Álvarez Cáccamo

Tienda de Libros Radio Nizkor On-Line Donations

DDHH en España
small logoThis document has been published on 20Oct05 by the Equipo Nizkor and Derechos Human Rights. In accordance with Title 17 U.S.C. Section 107, this material is distributed without profit to those who have expressed a prior interest in receiving the included information for research and educational purposes.